

O RC Celta viviu o xoves unha tarde para o recordo no evento de presentación do esperado proxecto de fútbol feminino do club. O anuncio do novo equipo celeste, “As Celtas”, ante os máis de 2.000 asistentes, selou un momento histórico que quedará gravado no corazón de todos os celtistas.
O acto tivo lugar no Campo de A Madroa, lugar onde adestrarán os equipos femininos do RC Celta, nunha tarde impregnada de significado e simbolismo. Ademais de darse a coñecer o nome do proxecto, os obxectivos e valores que persegue e presentar detalladamente os equipos que formarán parte desta nova era do club, o RC Celta e a afección foron un. O ambiente respirou amor polas cores, ilusión e orgullo por pertencer á familia celeste, e por vela crecer, durante as case 2 horas que durou o evento.
A actuación de Lil Kids, Señora DJ e a entrega dunha camiseta conmemorativa foron algunhas das sorpresas máis destacadas da xornada. Unha imaxe de todos os asistentes coas 1.500 camisetas repartidas quedará como testemuño de unidade e compromiso no inicio desta recentemente estreada etapa.
Marián Mouriño, presidenta do RC Celta, afirmou tras o evento que está “ilusionada. Encantada, porque a xente está moi contenta. A afección sempre está a apoiar. Oxalá sigamos camiñando xuntos moitos anos”, destacando a gran oportunidade que supón para as nenas e a transcendencia que ten para a comunidade galega no seu conxunto. Algo que tamén resaltaron os diferentes representantes da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, Concello de Vigo, Concello de Mos e Federación Galega de Fútbol.
O RC Celta desexa expresar o seu máis sincero agradecemento ao celtismo polo seu inquebrantable apoio e dedicación en cada momento crucial do club. Xuntos, comezamos a escribir un novo capítulo na historia celeste.
Grazas, afección!
MANIFESTO
Co seguinte manifesto, lido na tarde do 9 de maio por Xisela Aranda, conselleira do RC Celta, arrinca unha nova era:
Xa están aquí.
Somos mulleres de terra e sementeira, mulleres de mar, mulleres de ferro. Somos As Celtas. Somos fortes e orgullosas, dispostas a desafiar ó establecido.
Recibimos o legado centenario do celtismo e da nosa cidade atlántica de vento e marea. Recibimos a herdanza da vida e da memoria das mulleres galegas que imprimiron en nos a afouteza para encarar con determinación cada reto, cada dificultade, cada batalla. Recibimos o legado das nosas avoas, das nosas nais, das nosas mulleres que fixeron este país de terra, de mar e de ferro.
Somos valentes, orgullosas deste escudo celeste que levamos no noso peito, a cor do noso ceo. Somos valentes e loitaremos cada xeira, en cada campo, en cada partido.
Somos As Celtas, guerreiras que se erguen día a día dende a lama, dende a area, para pelexar até o último segundo, na vida e no campo.
Somos As Celtas, camiñamos xuntas sempre adiante, coidando das nosas, e xuntas facémonos mais fortes, leais, comprometidas. Avanzamos decididas cara o futuro, ca nosa mirada clara e firme no horizonte. Avanzamos ca forza dunha marea, á procura dun tempo novo e un territorio que aínda está por descubrir.
Somos libres, somos fortes, somos independentes.
Somos As Celtas. Xa están aquí.
To provide the best experiences, we and our partners use technologies like cookies to store and/or access device information. Consenting to these technologies will allow us and our partners to process personal data such as browsing behavior or unique IDs on this site and show (non-) personalized ads. Not consenting or withdrawing consent, may adversely affect certain features and functions.
Haz clic a continuación para aceptar lo anterior o realizar elecciones más detalladas. Tus elecciones se aplicarán solo en este sitio. Puedes cambiar tus ajustes en cualquier momento, incluso retirar tu consentimiento, utilizando los botones de la Política de cookies o haciendo clic en el icono de Privacidad situado en la parte inferior de la pantalla.