‘Oliveira dos Cen Anos’ segue batendo récords e conquistando corazóns. O himno do centenario do RC Celta logrou tres galardóns nos prestixiosos premios Cannes Lions, sendo nomeado en cinco categorías. Este recoñecemento mundial leva as raíces do RC Celta, a cultura galega e a Afouteza celeste máis aló das fronteiras de Vigo, Galicia e España. ‘Oliveira dos Cen Anos’ non só é un himno, é unha oda global ao celtismo.
Os tres galardóns foron anunciados na gala celebrada este martes no mítico Lumiere Theatre de Cannes. Marián Mouriño e Gael García, representantes do RC Celta na velada, acompañados por Antón Álvarez (C. Tangana), Cris Trenas, Santos Bacana e Rogelio González, equipo de Little Spain encargado da produción do vídeoclip do himno, subiron ao escenario do auditorio para recoller os tres galardóns que sitúan ao Celta como o club de fútbol máis recoñecido do mundo polo sector da comunicación e a publicidade. E é que o himno celeste no festival de Cannes superou nas súas diferentes candidaturas a campañas de marcas tan recoñecidas como Apple, Volkswagen, Coca Cola, McDonalds ou Spotify. Todo un éxito para o celtismo, protagonista de cada verso e escena do videoclip.
“Teño que recoñecer que cando chegou Pucho afirmando que isto ía ser un éxito internacional, tiven dúbidas. Un himno e vídeo en galego vai ser premiado e recoñecido a nivel internacional? Pero alguén na reunión tíñao claro, Carlos Mouriño, visionario como poucos, valente e decidido a deixar a pegada que se merecía o centenario. Apostou sen dubidar e agora a emoción invádenos. Só podo pensar en porque Antón chegou tan lonxe. Soña en grande e é capaz de facer soñar a outros. E, como celtistas, non podemos facer máis que agradecerllo aos dous”, comentou Marián Mouriño tras a gala.
Pola súa banda, Cris Trenas, produtora executiva do himno, asegurou que están “moi emocionados de que esta peza conectase con tanta xente moito máis alá do Celta e do fútbol. Para Little Spain supuxo un reto xigante pola envergadura e a complexidade da produción. Terminar en Cannes desta forma lémbranos que a emoción é nosa guía e emocionar o noso único obxectivo”.
Este logro únese a unha serie de recoñecementos que ‘Oliveira dos Cen Anos’ recibiu anteriormente, entre os que destacan o premio á mellor canción en galego e mellor videoclip nos Premios da Academia da Música de España; oito galardoes na XXV edición dos Premios Nacionais de Creatividade; un Gran Premio de Ouro en Brand Content e o Premio Platino á mellor campaña iberoamericana no Festival O Sol; e o premio ao mellor videoclip nos Premios Mestre Mateo; e aos que agora, no Cannes Lions International Festival of Creativity 2024, súmanse tres Ouros nas categorías de mellor Film Craft, Entertainment Lions for Sport e Entertainment Lions for Music.
O Festival Internacional da Creatividade Cannes Lions, celebrado anualmente desde 1954, reúne as campañas máis innovadoras do mundo das comunicacións. É un punto de encontro entre creadores e público, e non hai maior conexión que a que existe entre o RC Celta e a súa afección. Estes, e todos os premios previos recibidos, son un recoñecemento ao celtismo, un berro do que significa Afouteza e Corazón, unha homenaxe a aqueles de quenes herdamos o sentimento de pertenza, de familia e de celtismo.
‘Oliveira dos Cen Anos’ é unha manifestación tanxible de cada corazón celtista e que os galardóns máis importantes do mundo da comunicación e publicidade recoñezan a nosa cultura e as nosas raíces é un orgullo inmenso para o club e para todos aqueles a os que lles corre sangue celeste polo seu corpo. Grazas Pucho, grazas afección!