A RODA LANZA UNHA NOVA VERSIÓN DO CLÁSICO HIMNO DO RC CELTA

XA ESTÁN AQUÍ! A FAMILIA CELTISTA RECIBE UNIDA A “AS CELTAS”, O PROXECTO DE FÚTBOL FEMININO DO RC CELTA
10 Maio 2024
FESTA FIN DE CENTENARIO!
23 Maio 2024

A Roda, en colaboración co RC Celta, lanza unha nova gravación do “Himno do Celta”, que levará por título “Himno da Celta – versión 2024”, como homenaxe ao día das Letras Galegas e ao Centenario do club.

A relación entre o club e o grupo musical vén de lonxe, concretamente desde “Foliada do Celta” (disco “Falemos do gallego” do ano 1979), canción que significou un antes e un despois, e aínda a día de hoxe é para moitos o himno oficioso do equipo.

A gravación do “Himno do Celta”, datada no ano 1999 e recollida nun disco titulado “RC Celta – A Roda”, segue soando en Abanca Balaídos cada día de partido, pero certamente requiría unha actualización, unha posta a punto, unha translación aos tempos nos que estamos a través dunha melodía fresca e revitalizada. Con este punto de partida xorde este proxecto conxunto, que non ten outra intención que a de ofrecer unha versión actualizada para o afeccionado celeste neste final de tempada e de celebración do Centenario.

Esta nova melodía pretende ser fiel á orixinal, facilmente recoñecible e conservadora en canto a son e letra, pois así debe ser un himno. Con todo, os membros do grupo A Roda, non dubidan en aventurarse en harmonizacións e novos arranxos para ofrecer unha versión que pretende ser punto de encontro entre tradición e innovación. Disto teñen gran culpa Alfredo Dourado, actual cabeza visible e responsable da formación, David Cabaleiro, un dos artífices desta nova versión e responsable dos arranxos, xunto a Xan Barcón, Cristian García e Javier Castro, integrantes da formación.

Así pois, a historia de afecto entre o RC Celta e A Roda abre unha nova etapa, un novo capítulo no que o club quere mostrar que non se esquece dos de sempre, dos da casa, dun dos grupos máis queridos polo celtismo, emblema celtista e embaixador do Celta por toda Galicia.

Podes escoitalo AQUÍ