O vindeiro domingo 26 de maio, o RC Celta despedirá a tempada do centenario cun evento moi especial en Abanca Balaídos. Nesta xornada, o club non só enfrontarase ao Valencia CF no seu último partido de Liga, senón que tamén poñerá o broche de ouro a unha tempada histórica. Foi un ano cheo de Afouteza e Corazón, onde a afección xogou un papel fundamental. Por iso, o RC Celta organizou unha gran festa de fin de centenario, por e para o celtismo, como mostra de agradecemento polo inmenso apoio recibido este curso.
A celebración comezará a partir das 11:00 horas nos arredores de Abanca Balaídos. Desde esa hora, haberá unha zona de dinamización infantil, onde os celtistas máis pequenos poderán gozar de talleres, inchables e un espectáculo pensado especialmente para eles. A diversión continuará cunha serie de concertos que animarán a mañá: Batea (11:00 horas), A Roda (12:15 horas) e Groove Amigos (14:00 horas).
Para manter a enerxía durante toda a xornada, o club preparou unha zona gastronómica con diversos postos de comida popular e carpas, xestionadas por Peñas, onde se venderá comida e bebida. Ademais, haberá un outlet na tenda do RC Celta co fin de que todos os afeccionados enchan a bancada de celeste para clausurar unha tempada tan significativa.
Esta festa está deseñada para celebrar coa afección, honrando as raíces e a tradición do club. Un día cheo de alegría e celtismo, onde todos xuntos pecharemos esta tempada do centenario ao grande.
Vémonos, afección!