O presidente do RC Celta, Carlos Mouriño, leu esta tarde o pregón das tradicionais festas de San Roque, que cada ano reúnen a miles de vigueses na romaría urbana máis antiga de Galicia. O presidente celeste recibiu ademais en nome do club a medalla da Irmandade Cultural e Social de San Roque como devoto honorífico, unha homenaxe da entidade organizadora ao RC Celta polos seus 100 anos de vida.
“Unha romaría urbana secular, a máis antiga de Galicia, recíbenos no ano do noso Centenario. Quizá en aparencia tardamos un pouco en chegar, pero en realidade xa estábamos aquí” pronunciaba o presidente.
Desta maneira, son dous grandes e míticas institucións as que se dan a man neste acto que conmemora a historia e, sobre todo, a tradición viguesa.
Carlos Mouriño terminaba a súa intervención poñendo en valor “esta romaría urbana única, a tradición que atesoura e promove despois tantos séculos de vida. Quero facelo lembrando a todas as xeracións de vigueses que algún día estiveron onde nós estamos e que dunha maneira ou outra contribuíron á súa continuidade durante tantos anos. Nós, no Real Club Celta, temos a Oliveira dos Cen Anos. Nós, na nosa cidade, temos a Romaría de San Roque. Que sorte temos!. Os olores, os sabores, as roupaxes, os sons… todo é Galicia, a esencia da nosa Galicia. Gozemos de esta xoia todos xuntos!”.
As celebracións comezaron ás 20:30 h deste luns 14 e estenderanse ata o xoves 17 de agosto. Contarán con diversas actividades que terán lugar ao redor da leira de San Roque para que os vigueses festexen e desfruten; desde actuacións musicais e mercadillos de artesanía ata postos gastronómicos e, por suposto, citas relixiosas contorna á capela que se atopa na propia leira.