O RC Celta presentou esta tarde no Museo de Abanca Balaídos: “100 anos de Afouteza e Corazón”, un conmovedor libro de relatos que recompila as memorias de catorce ilustres celtistas. nhas 130 páxinas con narracións en primeira persoa de momentos clave da historia do club, aqueles que deixaron unha pegada indeleble no corazón e imaxinario celtista.
Os capítulos deste libro percorren as vivencias de Jacobo Buceta, Pedro Feijoo, Sergio Álvarez, Juan Carlos Álvarez, Armando Álvarez, Evaristo Páramos, Marta Larralde, Teresa Portela, Carlos Pereiro (Carlangas), Alicia Barreiro Graña, Paco Herrera, Paula Montes e Antonio Durán (Morris) para ofrecer unha perspectiva única sobre encontros emblemáticos que marcaron a historia centenaria do RC Celta. Non é simplemente unha crónica de eventos, senón unha emocionante hemeroteca que transcende datos e resultados, capturando a esencia mesma do que significa ser celtista.
Durante a presentación, un evento emotivo e próximo que contou coa participación activa de varios dos autores e unha representación da afección, Lucía Taboada, editora do libro, sinalo, do mesmo xeito que fixo no prólogo desta obra Marián Mouriño, que: “isto non é un libro que relata a historia do club, é moito mellor que iso”.
Estas páxinas esconden algo máis que unha obra literaria, son toda unha homenaxe ao celtismo, por e para a afección, polo que estará dispoñible para todos en bibliotecas públicas e colexios, co desexo de que cada páxina transmita o agarimo, a afouteza e o corazón que caracterizan o verdadeiro sentimento deste club con máis de 100 anos de historia.
No evento participaron os conselleiros do club Jose Amoedo e Sergio Álvarez, os xornalistas Juan Carlos Álvarez, Paula Montes e Armando Álvarez e abonados do RC Celta seleccionados mediante sorteo.