UN EMOTIVO ACTO NA CIDADE DEPORTIVA AFOUTEZA ABRE A GRAN SEMANA DO CENTENARIO DO RC CELTA

UNHA PLACA PARA REMEMORAR AS NOSAS RAÍCES
24 Agosto 2023
O PRESENTE CELEBRA A HISTORIA DO RC CELTA NO ‘PARTIDO DE LENDAS’
25 Agosto 2023

Carlos Mouriño, presidente do RC Celta, Marián Mouriño, expresidentes do club, xogadores lendarios, os abonados máis veteranos e os máis novos, representantes do primeiro equipo e da canteira, das penas, afección, patrocinadores históricos e actuais, novos operadores… pasado, presente e futuro do RC Celta. Foi a foto de familia do acto do Centenario que tivo lugar esta mañá na Cidade Deportiva Afouteza, previo á gran celebración da tarde do venres no exterior de Abanca Balaídos, con continuidade no interior, e do emotivo Partido de Lendas do día 30 do presente mes.

Este acto de conmemoración dos 100 anos de historia do RC Celta foi unha sentida festa de aniversarios que comezou á primeira hora da mañá coa colocación dunha placa conmemorativa no lugar exacto no que tivo lugar a firma da fusión do Vigo Sporting Club e o Real Club Fortuna, a Biblioteca Fundación Penzol, que en 1923 era sede da Federación Gremial de Patróns.

Ás 11:30 comezou o acto na CD Afouteza no que, ademais dos protagonistas da foto, acudiron para festexar os 100 anos de vida do RC Celta, entre outros, o presidente do Comité Olímpico Español, Alejandro Blanco, representantes da Xunta de Galicia, alcaldes da provincia pertencentes ao BNG, PP e PSOE, e numerosos representantes da política galega, medios de comunicación, empresariado, o mundo do deporte e, en definitiva, a sociedade galega.

O presidente do RC Celta pronunciou un emotivo discurso no que incidiu nas raíces, a identidade e o sumamente especial que é ser celtista, e rendeu homenaxe a todos os que forman parte da historia do club desde o seu nacemento. “Hei de recoñecer que non me atrevo a tentar glosar os nosos 100 anos de historia. Nun club tan rico en sentimentos, en vivencias, referentes e heroes é imposible. Non hai libro, colección ou documental que poida facelo con xustiza, sempre haberá nomes que non se citen, historias que non se conten e, sobre todo, sentimentos que non se describan”, comezou.

Carlos Mouriño apuntou que “cada un dos nosos afeccionados, desde aquel 23 de agosto de hai 100 anos, podería contar decenas de historias fermosas e tristes. E iso, en definitiva, conta. Somos un sen fin de fermosas e de tristes historias. As fermosas nos enorgullecen e as tristes uníronnos”

“Aquel soño de Manuel de Castro, Pepe Villar e Baliño Ledo acabou estendéndose e asolagando cada recuncho da nosa terra. O Celta ascendeu a Primeira División, disputou finais de Copa, xogou en Europa, asombrou co seu fútbol, fabricou unha canteira envexable, xerou admiración e simpatía e forxou durante 100 anos unha afección fiel, apaixonada, entregada e orgullosa. E coa enorme responsabilidade de preservar e enriquecer ese legado, o traballo que durante un século fixeron xentes que amaban ao club por encima de todo, coa responsabilidade de darlle sentido aos sacrificios que fixeron os nosos afeccionados, ao esforzo que fixeron os nosos xogadores, chegamos ao día no que cumprimos 100 anos”, engadiu.

O presidente celeste sinalou ademais que “coa enorme responsabilidade de preservar e enriquecer ese legado, o traballo que durante un século fixeron xentes que amaban ao club por encima de todo, coa responsabilidade de darlle sentido aos sacrificios que fixeron os nosos afeccionados, ao esforzo que fixeron os nosos xogadores, chegamos ao día no que cumprimos 100 anos”.

“Estou feliz de celebrar este Centenario na nosa décimo segunda tempada consecutiva en Primeira División. De festexalo nestas magníficas instalacións que son a semente dun ilusionante proxecto que cambiará para sempre ao club. Chegamos a este século de vida cun patrimonio que moitos, antes de nós, soñaron e que nos fai máis fortes, cunha espléndida sede social, unha moderna cidade deportiva e un proxecto en marcha que nos situará no mapa da industria europea do deporte. Cada xesto e acto do pasado tróuxonos ata aquí, ata un presente ilusionante, cunha ampla masa social, este valioso patrimonio propio e os soños intactos. O futuro está por escribir, farano outros que tamén amarán ao Celta tanto ou máis que nós. Outros dirixentes, outros afeccionados e outros xogadores. Pero a paixón será a mesma, a nosa identidade será idéntica. Será o mesmo Celta de hai 100 anos, cos seus valores, as súas esperanzas e a súa vocación: ser un club de Vigo para todos os galegos. Por outros 100 anos de nobre xogo, Afouteza e corazón. Ala celta!”, concluíu.

O presidente celeste recibiu de mans de Javier Torralba a certificación Breean de Urbanismo ao proxecto GS360, que avalía e cualifica o impacto ambiental, social e económico derivado do desenvolvemento urbanístico dun proxecto sostible en toda a súa dimensión. Tamén o presidente do Sevilla, Jose Castro, fíxolle entrega dunha placa conmemorativa polo Centenario do club, así como o presente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán.

Ademais, houbo un emotivo discurso do presidente do COE, diversos vídeos cargados de sentimento, unha gran torta de aniversario, música de Lagharteiras, pulpeiras, queimada…