O vindeiro mércores 30 de agosto, ás 21:00 h, celebrarase un partido moi especial para os celtistas de todos os tempos. Un partido de lendas, de historia e tradición, onde pasado e presente daranse a man nunha noite máxica na que se conmemora o Centenario do RC Celta.
As ‘Lendas Celestes’, nomes propios da historia do club vigués que marcaron toda unha época, volverán saltar ao terreo de xogo de Abanca Balaídos para enfrontarse aos ‘All Stars Internacional’, un equipo composto por grandes exxogadores internacionais, de gran traxectoria e transcendencia, dos principais equipos europeos.
Nos próximos días, iremos desvelando os protagonistas deste encontro único e irrepetible, que nos permitirá revivir no noso estadio, por só unha noite, a nosa etapa celeste en Europa. De primeiras, podemos ir adiantando que ex xogadores, ou máis ben lendas, da talla de Michel Salgado, Cañizares, Makelele ou Revivo acompañarannos representando ao noso club centenario, así como Cannavaro ou Morientes coas ‘All Stars’.
A entrada para todos os nosos abonados será gratuíta e poderán acceder ao encontro utilizando o seu carné de socio. No caso dos abonados de Marcador Alto, recibirán a súa entrada para este partido na súa dirección de correo electrónico.
Doutra banda, todos os celtistas que queiran acudir a esta gran festa do fútbol en xeral e, sobre todo, do celeste en particular, poderán facelo adquirindo as súas entradas a partir de 10 euros en calquera das zonas habilitadas na nosa web.
Ademais, xa están dispoñibles as camisetas de edición limitada como recordo deste día histórico.