O primeiro paso da celebración dos #100anosdeAfoutezaeCorazon chega o venres 30 e darano da man o celtismo e o equipo, que recibe ao Sevilla en Abanca Balaídos nun partido vital para os celestes. Será un paso para cruzar un limiar, para entrar de pleno no ano do Centenario do RC Celta, para lembrar e celebrar que esta institución atópase a uns meses de cumprir 100 anos de vida.
É un fito que xamais chegaría sen unha afección fiel, apaixonada e entusiasta, que recolleu e coidou con orgullo o legado daqueles que asistiron un 23 de setembro de 1923 ao Campo de Coia para presenciar o Real Club Celta-Boavista co que todo comezou. Ese venres 30, case 100 anos despois, acudirá a Abanca Balaídos para presenciar un RC Celta-Sevilla co que comezará un Centenario construído tamén polo celtismo.
Este partido, crucial para os celestes, será o eixo dunha gran festa con protagonismo absoluto da afección, que participou de maneira activa na confección desta programación a través das propostas enviadas á web do Centenario e nunha recente reunión coa Federación de Peñas. Comezará na contorna do estadio ao mediodía, con animación infantil, pintacaras, animadores, zancudos, globoflexia…
Os seguidores celestes poderán gozar despois dunha das bandas de referencia para o celtismo. Keltoi actuará en directo nun espectáculo musical no que tamén haberá DJs locais.
O concerto deste grupo vigués vinculado de maneira inquebrantable ao RC Celta conducirá a un dos momentos de maior carga emocional e importancia da xornada, no que participará a Federación de Peñas do club: o recibimento ao equipo. Sobre as 17.45 horas chegará a Abanca Balaídos o autobús celeste e reviviranse as espectaculares escenas de comuñón entre equipo e afección que tantas vitorias, algunhas milagrosas, propiciaron.
Xa no estadio repartiranse nas portas de acceso ao estadio miles de bolsas con 12 uvas, que ademais estarán pechadas coa pulseira do Centenario para que cada afeccionado poida lucila desde ese momento. Antes do asubío inicial soarán 12 badaladas para que o celtismo poida celebrar desta maneira, tomando as 12 uvas, a entrada no Centenario do club.
Non será a última das accións desta inesquecible xornada, haberá máis sorpresas para a afección celeste que acuda a Abanca Balaídos para arroupar ao equipo nun partido clave para afastarse dos postos de descenso e recargar de fe e confianza a un grupo que debe renacer da man de Carlos Carvalhal.
O RC Celta comunicará durante os próximos días máis detalles e información nas redes sociais de Centenario e do club.