ONTE Á NOITE O CEO DE ABANCA BALAÍDOS ENCHEUSE DE ESTRELAS

UN EMOTIVO ACTO NA CIDADE DEPORTIVA AFOUTEZA ABRE A GRAN SEMANA DO CENTENARIO DO RC CELTA
25 Agosto 2023
TEMPUR CHEGA A VIGO E SÚMASE AO CENTENARIO DO RC CELTA
29 Setembro 2023

A pasada noite do mércores 30 de agosto de 2023 non foi unha noite máis, unha noite calquera. Foi un momento que para moitos celtistas de corazón quedará gravado na súa memoria. Onte á noite, como acto de clausura a todas as celebracións conmemorativas polo Centenario do RC Celta, celebrouse un “partido de lendas”. Un encontro que enfrontou a vellos coñecidos de toda a historia celeste cos “All-Stars Internacional”, ex-xogadores de renome que quixeron acompañar ao club na súa festa de aniversario.

Un total de 27 lendas vivas do celtismo volveron saltar ao terreo de xogo de Abanca Balaídos para defender por unha vez máis as cores do club que os viu brillar. Con eles sobre o verde, o celtismo puido rememorar os gloriosos tempos nos que o seu equipo chegou a Europa, disputou finais de copa e celebrou ascensos á máxima categoría do fútbol español. Unha festa para a nostalxia de todos os afeccionados, que encheron as bancadas do estadio ansiosos de volver ver brillar aos seus ídolos.

Vicente, Gudelj, Michel Salgado, Afasto, Otero, Maté. Mazinho, Makélélé, Ratkovic, Potti, Amarildo, Berges, Juan Sánchez, Juan Velasco, Patxi Salinas, Canobbio, Gustavo López, José Ignacio, Natxo Insa, Nacho Canteiro, Augusto Fernández, Dani Abalo, Orellana, Mario Bermejo, Jonathan Vila, Toni Dovale, Álex López e Sergio Álvarez foron os nomes propios que volveron a enfundarse a celeste nesta ocasión tan especial.

E non estaban sós. Desde o banco, outras grandes figuras do club celeste acompañábanos: Santi Castro, Atilano, Borja Oubiña e Alemany foron os encargados de dirixir aos seus a pé de campo, e xunto a eles, animando aos seus compañeiros desde a bancada, estaban Manolo, Rodilla e Paco Doblas, así como os canteiráns do primeiro equipo do RC Celta, liderados por Iago Aspas, e o adestrador, Rafa Benítez, que representan o presente do club e os cales non quixeron faltar a esta gran cita futbolística.

Fronte ás nosas lendas plantáronse grandes xogadores do mundo do fútbol internacional. Casillas, Figo, Cannavaro, Morientes, Pires, Materazzi, Zanetti, Trezeguet, Guti, Luís García, Cambiasso, Capdevila, Lúcio, Roberto Carlos, Lugano e Karembeu confeccionaron o ‘All-Star Internacional’, que para esta ocasión especial, se engalonaron co segundo equipamento céltico.

Foi un partido emocionante que regalou aos espectadores un recital de goles e grandes actuacións que fixeron volver cantar á bancada de Abanca Balaídos.

O encontro, arbitrado por Mateu Lahoz, comezou cos “All Stars” adiantándose no marcador por tres tantos a cero, obra de Figo e Morientes por partida dobre. Pero un sobresaliente Augusto Fernández inauguraba o marcador para os celestes. Pronto chegaría o 2-3, obra de Juan Sánchez e de novo Augusto traería o empate a tres ao estadio.

Tras o descanso, Canobbio estreábase como goleador anotando o cuarto para as Lendas, seguido de Dani Abalo (5-3) e Mario Bermejo (6-3). Finalmente, o encontro terminaría con hat-trick de Morientes, pechando o encontro co 6-4 que lucía o marcador do estadio co asubío final.

Noite máxica para o fútbol en xeral e o celeste en particular, que terminou con decenas de lendas dando a volta ao campo de Abanca Balaídos e agradecendo aos máis de 15.000 afeccionados que os acompañaron e acolleron unha vez máis con agarimo, respecto e admitación.