O RC Celta presentou esta tarde o Centenario do club nun emotivo acto celebrado no Salón Rexio de A Sede baixo a batuta do actor, e recoñecido celtista, Carlos Blanco, mestre de cerimonias nun evento moi especial no que estivo plenamente representado o celtismo, o gran protagonista deste irrepetible aniversario e partícipe activo das actividades planificadas.
Entre os asistentes atopábanse familiares de Manuel de Castro ‘Hándicap’, Manolo, ‘o gran capitán’, Alicia Barreiro, abonada número 1 do club e representantes das peñas, fútbol modesto de Vigo, patrocinadores, colaboradores e abonados da entidade celeste, entre outros.
A presentación deste gran acontecemento para o celtismo comezou coa proxección dun vídeo que resumiu os fitos históricos do RC Celta e que deu paso á posta de longo dun dos símbolos do Centenario, o cartel oficial, obra do prestixioso deseñador galego Xosé Vizoso. O proceso de creación do cartel foi recollido nun emotivo vídeo que reflicte a maxia do proceso creativo dun artista da entidade de Vizoso. O proceso de creación do cartel foi recollido nun emotivo vídeo que reflicte a maxia do proceso creativo dun artista da entidade de Vizoso.
Nunha segunda peza audiovisual mostrouse ademais a marca do Centenario. Partindo do traballo do cartel de Vizoso, foi desenvolto polo deseñador Javier Blasco nunha marca específica cuxo punto de partida é a singular tipografía, recoñecida en toda Galicia, de Xosé Vizoso, que evoca o noso arraigamento á terra, os nosos valores, o noso orgullo e tradición.
Esta tipografía complétase cunha reinterpretación do escudo para evocar o número 100. O escudo do RC Celta non cambia, simplemente convivirá durante 2023 con esta nova marca creada para a ocasión.
O presidente do RC Celta, Carlos Mouriño, pronunciou un emotivo discurso, que comezou recoñecendo que “estou emocionado e desculpádeme se teño algún momento de debilidade, pero tocoume a min como presidente a celebración do centenario, premio inmerecido, premio de gran transcendencia, de gran orgullo, premio de enorme satisfacción”
“100 anos de historia, 100 anos de vida, 100 anos de ilusións compartidas, conseguidas, de paixóns desatadas, de iras contidas. 100 anos de risas e prantos, de abrazos entrañables e discusións e enfados sen fin. 100 anos de lendas históricas, contos, anécdotas. 100 anos de viguismo difundido polo mundo enteiro. 100 anos malgastando morriña, saudade en todos os emigrantes galegos esparexidos máis aló das nosas fronteiras”, engadiu.
Mouriño destacou que “para resaltar e loar eses 100 anos de vida reunímonos hoxe aquí, con tanta e tanta xente que foi importante ou simbólica na historia do club” e indicou que “un século máis que empezará cunha gran transformación do deporte e do Celta, que se iniciará, desde a organización, a regularidade deportiva, a solvencia económica, as ganas de facer algo grande e soñado por todos nós”.
“Afouteza seguirá sendo a guía deste novo século, e ao redor dela, os afeccionados, os celtistas, a cidade, levantadas por unha gran paixón, unha gran ilusión e tamén cunha gran esixencia, pedirán aos que nos vaian sucedendo que ninguén está por encima do club e o respecto polo nome do RC Celta, é a primeira das leis do celtismo”, engadiu.
O presidente do RC Celta sinalou, por último, que “facemos hoxe unha mención especialísima sen nomear a ninguén a tantos e tantos celtistas que, ao longo destes 100 anos, fixeron, viviron, quixeron tanto a este Celta e que xa non están entre nós, para todos eles, o noso agradecemento e o noso respecto no que tamén sería o seu centenario”.
O evento finalizou coa actuación dunha banda galega moi vinculada ao celtismo: A Roda.
Ao longo do ano desenvolveranse actividades organizadas en 5 grandes bloques: Celtismo, Historia, Cultura, Social e, por suposto, Fútbol. Sera un ano para gozar de exposicións, novas experiencias en Abanca Balaídos, charlas, arte, encontros de afeccionados, libros, contidos únicos, partidos históricos, visitas excepcionais, concertos e… por suposto, un himno do Centenario.
As actividades comezarán en xaneiro de 2023. Será nese momento no que a marca de Centenario tome protagonismo e o celtismo poida comezar a gozar dunha serie de actos que se desenvolverán ao longo dos próximos meses, con especial atención ao verán de 2023.