O Centenario volveu a unir ao RC Celta e a súa Fundación e ao Banco de Alimentos de Vigo, que poñerán en marcha a partir do partido do próximo domingo ante o Athletic Club unha campaña de recollida de alimentos baixo o lema ‘100 anos – 100 toneladas’. Esta iniciativa solidaria foi presentada a mañán do luns na Cidade Deportiva Afouteza polo presidente celeste, Carlos Mouriño, o vicepresidente, Pedro Posada, o coordinador do Centenario, Gael García, e o presidente do Banco de Alimentos, Iván Martínez, a quen acompañou o adestrador o primeiro equipo, Carlos Carvalhal, e os xogadores da primeira plantilla Fran Beltrán e Franco Cervi.
Os afeccionados do RC Celta poderán participar nesta campaña, que terá continuidade, durante os próximos meses, depositando alimentos non perecedoiros nas portas 18, da Bancada de Río, e 10, de Tribuna, que estarán operativas para a recollida este domingo desde as 16.00, dúas horas e media antes do partido ante o Athletic Club.
Carlos Mouriño sinalou que “somos unha parte moi importante da cidade e queremos colaborar con ela,. Esta cidade xa participou, colaborou e fixo posible moitas metas moi significativas moitísimas veces e soamente quédanos que entre todos: Banco de Alimentos, RC Celta, afección e cidade consigamos 100 a anos -100 toneladas de alimentos”.
Pedro Posada destacou que se trata dun reto enorme, pero non dubida de que a afección celeste e a cidadanía responderán con xenerosidade, como tantas outras veces fixeron e finalmente esta campaña, que terá continuidade no tempo, será un éxito.
Iván Martínez explicou que tanto os alimentos necesarios para o almorzo, leite, galletas, cacao, e cereais, como conservas de carne e peixe, legumes e vexetais en tarros de cristal e aceite son os alimentos máis necesarios para esta campaña e lembrou que RC Celta e Fundación xa colaboraron en anteriores ocasións co Banco de Alimentos:
Na actualidade, a Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo atende a unhas 20.000 persoas en situación de vulnerabilidade e chega a ela a través de máis de 150 ONG e entidades homologadas coas que traballa na provincia de Pontevedra. Antes do estalido da pandemia de 2020, unhas 15.000 persoas recibían axuda, pero a crise sanitaria e o contexto económico provocaron o incremento duns 5.000 beneficiarios máis.